quarta-feira, 10 de novembro de 2010

BANDA DESEÑADA PASO A PASO

Componse de 4 máis pequenos:

TRABALLO 1

Escribir o argumento dunha historia que vai servir para realizar un cómic (banda deseñada) de 3 páxinas. O argumento debe estar suficientemente desenvolvido para poder realizar logo, a partir del, o guión da banda deseñada. Non vos quededes coa primeira idea que teñades: normalmente despois de escribir unha primeira idea, se se pensa un pouco sobre ela, vense lugares onde mellorar a historia.

TRABALLO 2

Desenvolver o argumento do punto 1.- nun guión que indique, viñeta a viñeta:

a) Identificación (Número da viñeta); por exemplo: “Vineta nº 1”

b) Descrición da imaxe; por exemplo: “Nun plano americano vemos dúas rapazas que saen do mar, na praia; unha delas (Xoana) leva na man unha ametralladora e a outra (Uxía) un ramo de flores”.

Os tipos de planos e a súa utilidade tela explicada NESTA ANTIGA ENTRADA.

c) Texto do narrador (se o hai); por exemplo: “Xoana e Uxía gostaban da praia, pero tiñan uns costumes nela que non eran os máis habituais”

d) Texto dos personaxes (se o hai), na orde na que se producen na historia (coas acoutacións sobre o tono que empregan, de ser o caso); por exemplo:

- Xoana (susurrando): Non sei se se equivocaría Laporta con Umtiti...

- Uxía (susurrando, pero enfadada): Déixate de lerias, que tés que matar!!!

- Xoana (susurrando): Por iso! É para non pensar...

O guión desenvolvido ten que contar cun mínimo de 24 viñetas.

TRABALLO 3

Repartir o espazo dos 3 folios no que se vai debuxar a banda deseñada entre as viñetas nas que se teña desenvolvido a historia. Normalmente --como podedes ver nas imaxes da B.D. que vos poño a seguir--, non todas as viñetas precisan do mesmo espazo, senón que, dependendo do que ocorre en cada viñeta, o espazo que se lle adica é diferente. 



Para representar o reparto do espazo dividimos un folio en 4 partes, de xeito que cada cuarto de folio representa un dos folios nos que se vai debuxar e pintar a banda deseñada (como son só 3 páxinas, un dos espazos do folio quedaría baleiro).

TRABALLO 4

Debuxar e pintar a banda deseñada, de acordo co guión desenvolvido e co reparto do espazo dos 3 folios anteriores. Non é imprescindible pintar o cómic, pero optar por un cómic en branco e negro é moi arriscado porque se precisa bastante dominio da técnica para conseguir un produto suficientemente bo. Por iso, recoméndovos que o cómic sexa a cor.

terça-feira, 9 de novembro de 2010

LOS DOS REYES Y LOS DOS LABERINTOS

Eis unha presentación en Power Point co texto íntegro do conto sobre o que hai que facer as ilustracións. Non levou para aí moito tempo facelo.

quarta-feira, 3 de novembro de 2010

EL CANTO DEL GALLO

Outra das actividades que facemos cada ano é dividir a letra da canción 'El canto del gallo', de Radio Futura, en anacos entre os membros da clase de xeito que cadaquén faga unha ilustración co que lle toque, como se fosen viñetas dunha banda deseñada.
Pensei nesta actividade antes de saber que Max xa o tiña feito, e a idea é compor cos traballos dos alumnos unha montaxe como a que segue:

quinta-feira, 21 de outubro de 2010

COMICS ON LINE

Quen queira aferrarse a aquilo de que "eu non sei debuxar", o cal xa sabemos que non é nunca certo, pode facer comics coa axuda do computador, na Rede, sen ter que coller un lapis. Pero o que sempre necesitará é ter unha historia para contar, desenvolvela en viñetas e pensalas en planos. Un posible sitio para debuxar comics na Rede é este.

quarta-feira, 6 de outubro de 2010

INTERVENCIÓN NUN LATERAL

Un dos traballos que adoitamos facer cada ano é arranxar esteticamente o lateral dun edificio que fica desprotexido despois de ser derruído outro que estaba ao seu carón.
Nunha viaxe encontrei un feito por Keith Haring, na cidade de Pisa, que leva por nome Tuttomondo. Eis unhas imaxes del...

sexta-feira, 28 de maio de 2010

SETEMBRO, 3º E.S.O.

Como unha axuda, que non merecedes, para os que deixastes a materia de 3º para setembro, recoméndovos que vos formedes nos seguintes eidos (tedes moita máis información na Rede, a pouco que procuredes, se é que non tomastes anotacións en clase cando falei destes asuntos):

- Deseño da portada para un libro

- Pictografía : características e aplicacións

- Deseño de mascotas : características formais (+) e do personaxe (explicacións en inglés); algúns exemplos

- técnicas: collage, aerógrafo (stencil o estarcido), tricolor

- o autorretrato

- arte figurativa e arte abstracta

- interrelación entre imaxes, música e creacións literarias , ilustracións

- deseño de rótulos, como se facía no cinema mudo

- lectura obxectiva e subxectiva de imaxes

- a cor

- banda deseñada: proceso de construción

- logotipos: clases, deseño, avaliación

- linguaxe dos planos; valor dos planos; connotacións

- proceso da comunicación; elementos e esquema da comunicación

- algúns artistas dos que falamos: Pablo R. Picasso, Leandro Lamas, Keith Haring, Andy Warhol, Marc Chagall, Francisco de Goya...

quinta-feira, 6 de maio de 2010

PROPOSTA DE PRÓXIMO TRABALLO

Podíamos ir facendo as esceas 4 e 5, nas que agardan uns pola limusina e cando despois baixan dela (F/E) -ver escaleta abaixo-. Para iso necesitamos a foto da limusina de perfil e os fondos da rúa e da illa. Xa que non os trouxestes procurade cada un o seu en Internet para utilizalos; a ver cal das propostas de cada un resulta máis interesante.

Non puxera data, aínda, para que teñades a investigación sobre o pintor galego que cada un escollera. A DATA LÍMITE PARA REMITIR ESTE TRABALLO É O VENRES, 4 DE XUÑO E DEBEDES ENVIALO A tecnocesures@hotmail.com. Lémbrovos o que lle corresponde a cada un:
Naikari - Maruja Mallo
Belén - Laxeiro
Rocío - Leandro Lamas
Carmen - Luís Seoane (está de moita actualidade; escoitei que inauguraron unha exposición sobre el).
Irene - Alfonso Sucasas
Laura - Alfonso Costa
Marta - Urbano Lugrís
Andrea - Peteiro
Marcos - Caruncho
Antía - Eugenio Granell.

Recordade que, de cada un, tedes que caracterizar:
- Tipo de arte que fan (soporte, técnica, formato, escala...)
- Lugar e data de nacemento (e morte, se se produciu)
- Formación artística
- Hai algunha fundación (ou similar) que leve o seu nome
- Museos principais nos que se expoña a súa obra
- Temas que trata
- Recoñecemento do que desfruta
- Ademais, tedes que escoller dúas obras del para presentalas como candidatas a ser un dos tres cadros que aparecen na illa (e describir o que vos parece que conta, por que vos gusta, etc.)

De todos eles, polo menos, tedes algunha pista no post titulado 'Os cadros da discordia'

MATERIAL PARA ESCENAS




REPARTO (ELES)




REPARTO (ELAS)